No caso de que o alumnado careza da formación previa completa esixida no programa, a admisión poderá quedar condicionada á superación de complementos de formación específicos.
De ser o caso, os programas, a través da súa memoria, determinarán os complementos de formación que deberán ser concretados para cada alumno pola CAPD, sen que poidan superarse os 15 ECTS. A realización destes complementos será previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa. No caso de realización simultánea o alumnado deberá matricularse destes complementos no momento de formalizar a matrícula de tutela académica no programa. No caso de ser previa só se matriculará destes complementos e non se asinará o compromiso de supervisión nin se abrirá Documento de Actividades do Doutorando ata a súa superación.
Os complementos de formación deberán superarse no prazo máximo de tres cuadrimestres consecutivos. De non facelo así, o alumnado causará baixa no programa.
Devanditos complementos de formación específica poderán ser de materias ou módulos de mestrado e grao e terán, a efectos de prezos públicos e de concesión de bolsas e axudas ao estudo, a consideración de formación de nivel de doutoramento. No caso de realizarse con carácter previo o seu desenvolvemento non computará a efectos do límite temporal establecido para a realización da tese. Estes créditos non computarán a efectos dos requisitos ordinarios de acceso ao Programa de Doutoramento.
Con carácter xeral os alumnos admitidos ao programa de doutoramento deberán acreditar que adquiriron polo menos as seguintes competencias de carácter xeral que aparecen no nivel 3 do MECES:
- Adquirir coñecementos avanzados e demostrado, nun contexto de investigación científica e tecnolóxica ou altamente especializado, unha comprensión detallada e fundamentada dos aspectos teóricos e prácticos e da metodoloxía de traballo nun ou máis campos de estudo
- Saber aplicar e integrar os seus coñecementos, a comprensión destes, a súa fundamentación científica e as súas capacidades de resolución de problemas en contornas novas e definidas de forma imprecisa, incluíndo contextos de carácter multidisciplinar tanto investigadores como profesionais altamente especializados
- Saber avaliar e seleccionar a teoría científica adecuada e a metodoloxía precisa dos seus campos de estudo para formular xuízos a partir de información incompleta ou limitada incluíndo, cando sexa preciso e pertinente, unha reflexión sobre a responsabilidade social ou ética ligada á solución que se propoña en cada caso
- Ser capaces de predicir e controlar a evolución de situacións complexas mediante o desenvolvemento de novas e innovadoras metodoloxías de traballo adaptadas ao ámbito científico/investigador, tecnolóxico ou profesional concreto, en xeral multidisciplinar, no que se desenvolva a súa actividade
- Saber transmitir dun modo claro e sen ambigüidades a un público especializado ou non, resultados procedentes da investigación científica e tecnolóxica ou do ámbito da innovación máis avanzada, así como os fundamentos máis relevantes sobre os que se sustentan
- Desenvolver a autonomía suficiente para participar en proxectos de investigación e colaboracións científicas ou tecnolóxicas dentro o seu ámbito temático, en contextos interdisciplinares e, no seu caso, cunha alta compoñente de transferencia do coñecemento
- Ser capaces de asumir a responsabilidade do seu propio desenvolvemento profesional e da súa especialización nun ou máis campos de estudo
Como método elixido para a verificación da adquisición das devanditas competencias, os alumnos que ingresen no programa de doutoramento en Sistemas Software Intelixentes e Adaptables, deben de acreditar e/ou amosar a realización dun Traballo Fin de Máster de marcado carácter investigador de polo menos 9 ECTS. En caso de non poder facelo, ao longo do primeiro ano de inscrición deberán realizar no seo do grupo de investigador de acollida un traballo investigador cun esforzo estimado de 9 ECTS (Actividade Formativa 1 da Sección 4). Este traballo deberá ser aprobado polo titor e a CAPD durante o período de matrícula e deberá ser incluído no documento de actividades anuais do doutorando. O traballo será avaliado ao finalizar o primeiro semestre segundo o establecido pola CAPD e en cumprimento da normativa e lexislación existente. Este complemento formativo será ofertado polo propio programa de doutoramento.